

Trepidante comedia, onde a ironía e o humor descarnado poñen ao descuberto a eterna loita entre a aparencia e a verdade, e onde a devoción, cando se mestura coa ambición, pode converterse no máis humano e cómico dos pecados. Nunha pequena vila onde a aparencia pesa máis ca a verdade, regresa Mateo, emigrante retornado que, tras anos lonxe da súa terra, volve á casa familiar. Alí agárdano Salomé e Raquel, dúas irmás solteiras, devotas ata o exceso e celosas gardiás das formas e do prestixio social que a parroquia concede ás súas máis fieis feligresas. Mais baixo o manto da piedade latexan intencións menos santas. Na igrexa, onde cada domingo o peto da misa se converte en escaparate de virtude e status, a cantidade da esmola importa tanto coma a propia fe. Convencidas de que Mateo fixo fortuna na emigración e sempre acompañado dunha misteriosa saca chea de billetes que garda con recelo, as irmás idean unha sucesión de artimañas, enganos e situacións tan disparatadas coma reveladoras. Entre rezos interesados, falsas caridades e estratexias domésticas dignas dunha comedia de enredo, Salomé e Raquel farán todo o posible para que os feixes de billetes do seu irmán 1 rematen, moi á vista de todos, no peto da igrexa… e, de paso, reforcen a súa reputación de mulleres exemplares.